Saltar ao contido

Xogo de mesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xadrez.

Un xogo de mesa é un xogo que se practica xeralmente sobre unha mesa ou un soporte similar e que é xogado por unha ou, máis habitualmente, varias persoas situadas á súa ao redor. Pode requirir dos xogadores o uso do razoamento táctico ou estratéxico, a coordinación, a destreza manual, a memoria, a capacidade dedutiva, a psicoloxía, a destreza negociadora, ou simplemente estar baseado no puro azar.[1]

Pola súa natureza, os xogos de mesa non levan en xeral actividade física, aínda que existen algúns que implican levantarse da mesa e realizar actividades fóra desta; neste caso estes serían xogos de mesa pero non limitados á mesma.

Os sitios arqueolóxicos de Başur Höyük, preto da cidade turca de Siirt, achegaron pezas de xogo de preto de 5.000 anos de antigüidade.[2]

Categorías

[editar | editar a fonte]

Os xogos de mesa agrúpanse xeralmente en categorías, segundo características especiais que os distingan. A continuación móstranse algunhas delas.

Xogos de dados

[editar | editar a fonte]

Son xogos nos que se usan dados ou equivalentes a eles, tales como o Tauli, o parchís, os parqués, o Ludo, o Backgammon, serpes e escaleiras entre outros. Os xogos de mesa teñen diferentes tipos e formas. Todos estes xogos son derivados do antigo Pachisi.

Xogos de fichas

[editar | editar a fonte]

Son xogos nos que se usan fichas marcadas, como o dominó ou o mahjong.

Xogos de cartas

[editar | editar a fonte]

Entre eles están os xogos de naipes tradicionais que tamén pertencen á categoría de xogos de mesa, ben sexan con baralla francesa ou española coas súas [numerosas] formas de xogos; ou xogos de cartas como o Hanafuda que é tradicional no Xapón. Unha variante moderna e comercial dos xogos de cartas son os xogos de cartas para coleccionar, como Magic: o encontro, Cazaurio, Yu-Gi-Oh! ou Mitos e lendas. Existen igualmente xogos que combinan os naipes dos xogos de cartas e a estratexia dos xogos de mesa modernos (sen miniaturas nin dados). Por exemplo, o xogo Nabuko Xenerais e Conquistadores."[Turista]"[3]

Xogos de rol

[editar | editar a fonte]

Foron creados a mediados da década dos 70. Son xogos nos que se interpreta o papel doutra persoa e onde, en xeral, ponse aos xogadores en situacións específicas que lles permitan superar probas até chegar a unha certa meta. O primeiro xogo de rol en ser comercializado foi Dungeons & Dragons (1974), que ao longo das súas sucesivas edicións (a actual edición é a cuarta) foise modificando, sobre todo nos seus primeiros anos cando acabou por deixar ao uso de taboleiro como unha opción prescindible do xogo. Efectivamente, a característica propia dos xogos de rol é a interpretación de roles e non o uso dun taboleiro. Dungeons & Dragons é un xogo de rol do xénero chamado fantasía heroica, pero en canto saíu ao mercado, inspirou a aparición doutros xogos de rol pertencentes a moitos outros xéneros, como o western, o xénero de capa e espada, a ciencia ficción, o space opera, o terror gótico, o humor, a espionaxe, a piratería etc.

Xogos de taboleiro tradicionais

[editar | editar a fonte]

Son os xogos que se xogan sobre un taboleiro, como os xogos da familia do xadrez (o xadrez occidental, o Xiangqi ou «xadrez chinés», o Shōgi ou «xadrez xaponés», o Janggi ou «xadrez coreano» ou o makruk, tamén chamado «xadrez tailandés»), as damas, as damas chinesas, o go (xogo oriental orixinario da China), o Hnefatafl (familia de xogos de mesa xermánicos), o Mancala (familia de xogos de taboleiro fundamentalmente africanos e tamén asiáticos), o Surakarta.

Xogos de taboleiro contemporáneos

[editar | editar a fonte]

Xogos de guerra

[editar | editar a fonte]

Aínda que haxa que diferencialos claramente dos chamados «xogos de taboleiro» (véxase máis arriba), a estes xogos tamén se lles chama así, pois na inmensa maior parte dos casos utilizan un taboleiro para o desenvolvemento das súas partidas. En realidade o mundo castelanfalante desígnaos popularmente co anglicismo wargames, do que o termo «xogos de guerra» é unha tradución literal. Exemplos desta clase de xogos son o Risk (ou a súa versión arxentina o TEG), BattleTech, Wings of War etc. Sobre o taboleiro desprázanse fichas, figuras troqueladas ou mesmo miniaturas que en xeral representan unidades de combate (tropas), aínda que tamén hai xogos de taboleiro desta categoría que representan individuos, por exemplo BattleTech, no que sobre cada casa atópase unha figura que simboliza a un único mech (un robot xigante de combate), ou conceptos abstractos como influencia, en Twilight Struggle. O obxectivo destes xogos pode ser, por exemplo, o de conquistar unha determinada zona do mapa ou mundo ou destruír a un determinado xogador, aínda que na maior parte dos casos os xogos de guerra dividen os bandos participantes en dous, representando os bandos de batallas históricas e levando o xogo até a vitoria dunha das dúas partes.

Xogos de miniaturas

[editar | editar a fonte]

Son unha subcategoría dos xogos de guerra e de aventura. A diferenza é que a maior parte dos xogos de guerra utilizan un taboleiro sobre o que as fichas ou figuras avanzan mediante casas, mentres que a maior parte dos xogos de miniaturas empregan exclusivamente miniaturas situadas sobre maquetas que representan o relevo e mesmo cursos de auga, arquitectura ou vexetación. As figuras, ao non estar situadas sobre un taboleiro dividido en casas, avanzan mediante distancias establecidas en centímetros. Os xogos de miniaturas máis coñecidos son os producidos pola editorial Games Workshop para o seu universo Warhammer Fantasy: Warhammer Fantasy Battle,Warhammer 40.000, O Señor dos Aneis, o xogo de batallas estratéxicas e "O Hobbit, a batalla dos 5 exércitos".

Xogos temáticos

[editar | editar a fonte]

Tamén se lles chama xogos comerciais. Cultivaron gran popularidade durante o século XX. Algúns exemplos destes xogos son o Monopoly, a Oca, o Pictionary, o Trivial Pursuit, o Scrabble, o Scattergories, Os Colonos de Catán, Machiavelli etc. Nesta categoría tamén se atopan os chamados xogos de alxubes, nos que o taboleiro representa unha alxube subterránea na que os xogadores deben ir avanzando e superando as dificultades que se van atopando (vencer monstros e criaturas maléficas, obter tesouros etc.). Exemplos típicos de xogos de alxubes son o clásico HeroQuest (hoxe en día xa descatalogado) ou Descent, xogo de alxubes actual do mesmo estilo que HeroQuest.

Hoxe en día hai un gran número de xogos temáticos novos, debido á grande afección por este tipo de entretemento que provocou un auxe do mercado. Un clásico deste tipo de xogos é, aínda que se editou na década dos 50, Diplomacy.

Encontros e eventos

[editar | editar a fonte]

Existen multitude de encontros e xornadas de xogos de mesa. A maioría deles están englobados xunto a outras actividades lúdicas, como rol, Magic, Warhammer e outro tipo de actividades da contorna lúdica.

Dos encontros celebrados en España, algúns dos máis importantes son:

  • Xornadas Solidarias Ludo Ergo Sum: evento anual que se celebra desde 2008 na Comunidade de Madrid durante a segunda quincena de setembro. Recada fondos para a ONG Por un pasito máis, que realiza proxectos educativos e de desenvolvemento no Salvador. www.proyectoludoergosum.com Organizadas nun principio por Asociación Ars Ludica, Asociación Confraría do Dragón, Asociación Místicos de Arkat, Asociación Ocaso do Mundo e Asociación Rolatividad.[4] A última edición será organizada pola asociación Ludo Ergo Sum.
  • Encontro Nacional de Xogos de Mesa: celébrase anualmente desde 2005 nalgunha cidade de España, non posúe data fixa, pero por costume adoita celebrarse entre mediados e finais de decembro.
  • Convivencias Lúdicas Nacionais: tamén celebradas en España. Na Edición 2007, realizada en Alcalá de Henares, déuselle un grande impulso aos xogos de mesa.
  • Xornadas Terra de Ninguén: o seu principal aliciente é a comodidade, xa que ofertan aloxamento de alta calidade. Celébranse en Málaga.
  • Axudar Xogando: xornadas celebradas en Barcelona. Teñen como obxectivo recadar donativos para ofrecer un xoguete aos nenos máis desfavorecidos.[5]
  • FrikiGordo: todo o Nadal celébranse no campus da Universidade de Alcalá de Henares.
  • Ludomanía: celebradas en Torrejón de Ardoz.
  • Festival Internacional de Xogos de Córdoba
  • Xornadas Minas Tirith: celebradas anualmente en Santander, Cantabria, tradicionalmente nas dúas primeiras semanas de decembro. Organizadas polas asociacións xuvenís Cidade Branca e Túnicas Arcanas.
  • Xornadas Ex-Mundis: celébranse anualmente en Almería (desde o ano 2000), principalmente enfocadas aos xogos de rol, rol en vivo, estratexia e simulación e, a partir da segunda/terceira edición, tamén aos videoxogos e os xogos de mesa.
  • Xornadas de xogos de mesa Queremos Xogar: celebradas anualmente en Sevilla centradas principalmente nos xogos de mesa, acollendo tanto ao público familiar como ao especializado.[6]
  1. "Factores en los juegos de mesa". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2017. 
  2. Lorenci, Miguel (21 de agosto de 2013). "El primer pasatiempo". Diario Las Provincias. Consultado o 22 de agosto de 2013. 
  3. "Juegos de cartas" (en castelán). Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  4. "Jornadas Lúdicas Solidarias Ludo Ergo Sum, sitio web oficial". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2021. Consultado o 19 de maio de 2022. 
  5. Jornadas Ayudar Jugando, sitio web oficial
  6. "Juegos de mesa - Jornadas Queremos Jugar, sitio oficial". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2020. Consultado o 27 de maio de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]